Revista Anual Catro Camiños 2011
Revista Anual Catro Camiños
Día Mundial do Medio Ambiente
O 5 de xuño, celebramos o Día Mundial do Medio Ambiente. Todos sabemos a importancia que ten a Natureza e a súa conservación para nós e os demais seres vivos do planeta, pois necesitamos levar unha vida de calidade e mirar cara ao futuro, a fin de que nada importante desapareza.
As Nacións Unidas estableceron esta celebración para sensibilizar a opinión pública e tratar de que traballemos xuntos e cooperemos para crear unha nova conciencia de coidado do medio natural, no que se desenvolve a vida e do que formamos parte.
Celébrase en todo o mundo de distintas maneiras: con festas, manifestacións, concertos ecolóxicos, campañas de reciclaxe, plantación de árbores, etc.
Moitos poetas inspiráronse na fermosura do mundo, nas súas criaturas e nos seus misterios. Velaquí unha mostra dalgúns deles, que quixeron destacar aspectos desa natureza.
GALICIA […] A das floridas valgadas, a do barulleiro mar, a das roibas alboradas e as noitiñas de luar. A dos toxos feridores, a das rosas velaíñas, a das roibas alboradas e a das choivas miudiñas. […] Ramón Cabanillas |
AS FLORIÑAS DOS TOXOS ¡Nin rosiñas blancas, nin claveles roxos! Eu venero as floriñas dos toxos. Dos toxales as tenues floriñas, que sorríen, a medo, entre espiñas. Entre espiñas que o ceo agasalla con diamantes as noites que orballa. ¡Oh do ermo preciado tesouro: as floriñas dos toxos son de ouro! De ouro vello son, mai, as floriñas dos bravos toxales, ¡das devociós miñas!… Antonio Noriega Varela |
LÚA A lúa é velliña, de brancos cabelos, de engurras de ouro e de olliños cegos. Érguese do leito das foulas do mar palpando os espazos para camiñar. Anda polo mundo sen ver a onde vai pois as estreliñas lévana da man. […] Luís Amado Carballo |
O ARCO DA VELLA Dende o piñeiredo de Vilanoviña o arco da vella ergueuse a beber, tanta sede tiña que fixo surrindo un voo de anduriña e foi dun esguello no río a caer. Ó sentir da auga a caricia leda espallouse en néboa pola tarde mol e enchéndose dela colgou na robleda seu pano de cores tinguido do sol. […] Xerando Álvarez Limeses |
TEÑEN NOME Non digas “unha árbore”, dille “carballo”, se che gusta a súa sombra tes que nomealo. Que ten un nome, se che gusta a súa sombra, que non se borre. Non digas “un paxaro”, dille “andoriña”, que vén coa primavera e anuncia a vida. Que ten un nome, que vén coa primavera, que non se borre. […] Marica Campo |
AI O MAR Ai o mar co seu barco roubado! Ai o mar na súa cunca deitado! Ai o mar! Vén tatuado nalgún mariñeiro. Vén coas gaivotas a rir no peteiro. Vén terra adentro nun puño de sal. Ai o mar, cabaleiro azulado, nos castelos de escumas gardado! Ai o mar! Que me leve, me leve nas ondas coas súas mans máis escuras e fondas! Ai o mar, meu amigo! Ai o mar! Ana María Fernández |
QUITA A PUCHA, AMIGO Quita a pucha, amigo, que xa o reiseñor vai cantando no bosque ferido de amor. […] Álvaro Cunqueiro
|
Tamén os nosos nenos e nenas do colexio queren deixar a súa preocupación pola Natureza escribindo contos moi breves (de tres liñas manuscritos).
Día Mundial do Medio Ambiente
A ÁRBORE
A árbore é moi bonita coas súas pólas que dan moita sombra. Os paxaros pousan nela cando están cansos de voar. Vichy – 3ºB
Érase unha vez unha árbore que moitos amigos tiña, sabía que un leñador as cortaría e sen amigos se quedaría. Víctor – 5ºA
O ARCO DA VELLA
Sete cores ten o ceo, cores alegres e cores de flores. O arco da vella non deixa de saír, cando o sol ri e chora á vez. Nerea – 5ºA
A BOLBORETA
Bolboreta, voa co teu traxe de cores polo campo, en Primavera. Raquel – 1º A
A bolboreta con antenas, a bolboreta de cores, que se pousa nas flores. Silvia – 1ºA
A bolboreta é de cores e sempre sae na primavera e encántanlle as flores. David – 1ºA
Raio de luz, bolboreta, que voa de flor en flor. ¡Non me engana o teu voo! Juan -5ºA
O CABALO SALVADOR
Un cabalo chamado Xoán viu un cazador cazando un coello. Xoán evitou a caza dándolle unha couce ao home. O cazador enfadado disparou ao cabalo, pero este esquivouno. O home foise moi enfadado. Brais – 4ºB
O CABALO PEPITO
No incendio do bosque, o cabalo salvaxe Pepito, converteuse nun heroe por rescatar a todos os seus semellantes. Pablo – 5ºA
O CAN SEN AMIGOS
Había unha vez un cachorriño que non tiña amigos porque era moi pequeno, pero cando se fixo maior volveuse moi forte e popular. Laura – 4ºB
O CEO
O ceo, pobriño, está agardando ao Sol moi amodiño, porque xa xea de noite e non ten abrigo. O seu único amigo é o Sol. ¡Pobriño! Andrés – 5ºA
CONTAMINACIÓN
A contaminación é o peor, nunca me gustou: quítame a vida que amo. Loito pola vida que teño e porque desapareza a contaminación. Andrea – 5ºA
María era unha bolboreta que vivía nunha árbore encantada, na que vivían tamén, a eiruga Luisa e o saltón Christian. Os tres eran felices porque non había contaminación. Esther – 6ºB
Érase unha vez un lixo superlixo, supercontaminado que se meteu na praia e quedou limpado.
A FLOR:
A flor é fermosa porque cando a vexo síntome coma unha flor e son de tantos colores que me sinto como dentro dunha flor. Lucía – 1º A
As flores son fermosas porque adornan os campos e tamén as macetas das casas. Hugo – 1ºA
A flor ten una problema, perdeu a súa cor. Eu téñolle unha solución: que se lave na auga e recuperará a súa cor. Paola – 5ºA
A flor perdeu o seu cheiro e a súa cor. A pobre estivo moi triste ata que a Primavera lle devolveu a súa frescura. Sukaina – 5ºA
Era unha vez unha flor amarela que, de tanto tomar o Sol, púxose vermella.
O LEÓN
Había unha vez un león que se metía cos demais. Un día a súa nai pillouno meténdose con eles e castigouno. O león arrepentiuse e ela perdooulle. Dende entón o león vive feliz na selva. Eva – 4ºB
O LEÓN QUEDOU NO ZOO
Había unha vez un león que vivía na selva tranquilamente. Un día quedouse durmido. Mentres estaba durmido, os cazadores cazárono e cando espertou, estaba no zoo. Quedou moi triste. Miguel – 4ºB
O MAR
O mar coas súas frescuras anda a tecer co brillo do Sol e cópialle a súa cor. Nahuel – 5ºA
O mar contaminado, ¡pobriño, meu neniño! Sen escumas prateadas e a súa boca salgada. Fabio – 5ºA
A MONTAÑA
A montaña é moi alta e os animais comen a súa herba. Nela óese o eco. — 3ºB
A NATUREZA
A natureza debe ser coidada para que a túa cidade estea descontaminada. Gabi – 3ºA
A natureza é fermosa coma unha rosa e non hai que ensuciala, senón limpala. Álvaro – 3ºA
A natureza hai que coidala porque as fábricas poden contaminala e os seres humanos non poden vivir. Carolina – 3ºA
A natureza non hai que contaminala, senón limpala. Samaira – 3ºA
O PARRULO
O parrulo ía a navegar polo río e chocou contra unha rocha do río e viu as estrelas. Emanuel – 1ºA
O PAXARO
Érase unha vez un paxaro que sempre me acompañaba ao colexio e un día sentiu soar a serea e escapou correndo co medo. Alejandra -3ºB
Os paxaros cantan, á xente lles encanta. Canta, canta, paxariña canta, canta no teu niño. Canta, canta pola mañá, no teu paxar. Laura – 4ºB
Érase un paxaro moi avaro. Tan avaro, tan avaro, que a todos despreciaba. Curou o día que lle deron a probar a súa menciña. Tamara – 5ºA
A POMBA
A pomba está triste, pois só a sacan cando é o Día da Paz, a quen ninguén fai caso, pois hai pelexas igual. Beatriz – 5ºA
O RÍO
O río, cando baixa por unha montaña, retórcese coma unha serpe. É a cousa máis fermosa que vin nunca. Ana – 3ºB
Unha vez nun bosque lexano había un río chamado Rinrín, moi chuliño porque sempre dicía: -“Eu teño máis auga que ninguén”. Entón o Sol apareceu e secouno. Rinrín nunca máis se volveu a chulear. Alba – 4ºB
Érase unha vez un río que sempre estaba contaminado. Un día os animais do bosque decidiron limpalo. Ao final quedou limpo grazas aos animais do bosque. Marina – 4ºB
Río de augas claras, de peixes escuros e de árbores que lavan as ramas.
A RÚA
Sucia está e cheira fatal. Os barrendeiros téñena que limpar, pero sempre hai lixo e non se pode remediar. Lixo e lixo na rúa, sempre haberá. O home non aprenderá. Jaime – 5ºA
O SOL
O sol brilla no ceo, da moita cor á cidade e tamén calor. Podes ir á praia. ¡Que bonito é o sol! Zeltia – 3ºB
A TERRA
A Terra é un planeta moi lindo. Ten lagos, campos, montañas, etc. Pero estámola estropeándoa. — 3ºB
O VENTO
Cae a folla da árbore, toma o sol sobre a herba placenteira, temerosa de que o vento a incomode. Lorena – 5ºB
Ler é Saber
Estamos outravolta no mes de abril e descubrimos que de novo arrecende a flores novas e a libros de sempre. As palabras son as protagonistas das mensaxes que nos conmoven, que nos amosan como é o mundo no que habitamos. Os libros axúdannos a ser máis libres e a saber máis cada día. Este é o mes dedicado a eles e nós queremos celebralo. Axúdanos!
PARTICIPA! ANÍMATE A LER!
O 2º maratón de lectura no noso colexio terá lugar este ano o próximo xoves, día 23, para celebrar así o Día Internacional do Libro. Participarán todos os cursos de primaria, de 1º a 6º, e cada nivel irá pasando a quenda ao seguinte para que a lectura estea presente desde as 9 da mañá ata as 13 horas.
Animámosvos a participar con ilusión e con respecto, xa que se trata de facer unha actividade en grupo. Unha vez máis o silencio será necesario para darlle a importancia que merece a esta celebración da lectura.
TEATRO PARA LER
E tamén dedicaremos os últimos días de abril a ler teatro. Xuntarémonos por ciclos para pasalo ben escoitando aos lectores.
Lembrade que no teatro recreamos as situacións da obra coa forza da voz, coa entoación, coa expresividade xusta.
Animádevos a ler o mellor que sabedes diante dos compañeiros e a pasalo ben entre todos.
Hai moitas obras apropiadas para a lectura teatral, pero tamén podedes crear as vosas propias historias en equipo e presentalas diante dos compañeiros de ciclo.
ANIMÁDEVOS!
A LECTURA DE TEATRO É DIVERTIDA.