Ler é Saber
Estamos outravolta no mes de abril e descubrimos que de novo arrecende a flores novas e a libros de sempre. As palabras son as protagonistas das mensaxes que nos conmoven, que nos amosan como é o mundo no que habitamos. Os libros axúdannos a ser máis libres e a saber máis cada día. Este é o mes dedicado a eles e nós queremos celebralo. Axúdanos!
PARTICIPA! ANÍMATE A LER!
O 2º maratón de lectura no noso colexio terá lugar este ano o próximo xoves, día 23, para celebrar así o Día Internacional do Libro. Participarán todos os cursos de primaria, de 1º a 6º, e cada nivel irá pasando a quenda ao seguinte para que a lectura estea presente desde as 9 da mañá ata as 13 horas.
Animámosvos a participar con ilusión e con respecto, xa que se trata de facer unha actividade en grupo. Unha vez máis o silencio será necesario para darlle a importancia que merece a esta celebración da lectura.
TEATRO PARA LER
E tamén dedicaremos os últimos días de abril a ler teatro. Xuntarémonos por ciclos para pasalo ben escoitando aos lectores.
Lembrade que no teatro recreamos as situacións da obra coa forza da voz, coa entoación, coa expresividade xusta.
Animádevos a ler o mellor que sabedes diante dos compañeiros e a pasalo ben entre todos.
Hai moitas obras apropiadas para a lectura teatral, pero tamén podedes crear as vosas propias historias en equipo e presentalas diante dos compañeiros de ciclo.
ANIMÁDEVOS!
A LECTURA DE TEATRO É DIVERTIDA.