CEIP Concepción Arenal

Blog do Centro

Día Mundial do Medio Ambiente

O 5 de xuño, celebramos o Día Mundial do Medio Ambiente. Todos sabemos a importancia que ten a Natureza e a súa conservación para nós e os demais seres vivos do planeta, pois necesitamos levar unha vida de calidade e mirar cara ao futuro, a fin de que nada importante desapareza.

As Nacións Unidas estableceron esta celebración para sensibilizar a opinión pública e tratar de que traballemos xuntos e cooperemos para crear unha nova conciencia de coidado do medio natural, no que se desenvolve a vida e do que formamos parte.

Celébrase en todo o mundo de distintas maneiras: con festas, manifestacións, concertos ecolóxicos, campañas de reciclaxe, plantación de árbores, etc.

Moitos poetas inspiráronse na fermosura do mundo, nas súas criaturas e nos seus misterios. Velaquí unha mostra dalgúns deles, que quixeron destacar aspectos desa natureza.

GALICIA

[…]

A das floridas valgadas,

a do barulleiro mar,

a das roibas alboradas

e as noitiñas de luar.

A dos toxos feridores,

a das rosas velaíñas,

a das roibas alboradas

e a das choivas miudiñas.

[…]

Ramón Cabanillas

AS FLORIÑAS DOS TOXOS

¡Nin rosiñas blancas, nin claveles roxos!

Eu venero as floriñas dos toxos.

Dos toxales as tenues floriñas,

que sorríen, a medo, entre espiñas.

Entre espiñas que o ceo agasalla

con diamantes as noites que orballa.

¡Oh do ermo preciado tesouro:

as  floriñas dos toxos son de ouro!

De ouro vello son, mai, as floriñas

dos bravos toxales, ¡das devociós miñas!…

Antonio Noriega Varela

LÚA

A lúa é velliña,

de brancos cabelos,

de engurras de ouro

e de olliños cegos.

Érguese do leito

das foulas do mar

palpando os espazos

para camiñar.

Anda polo mundo

sen ver a onde vai

pois as estreliñas

lévana da man.

[…]

Luís Amado Carballo

O ARCO DA VELLA

Dende o piñeiredo de Vilanoviña

o arco da vella ergueuse a beber,

tanta sede tiña

que fixo surrindo un voo de anduriña

e foi dun esguello no río a caer.

Ó sentir da auga a caricia leda

espallouse en néboa pola tarde mol

e enchéndose dela colgou na robleda

seu pano de cores tinguido do sol.

[…]

Xerando Álvarez Limeses

TEÑEN NOME

Non digas “unha árbore”,

dille “carballo”,

se che gusta a súa sombra

tes que nomealo.

Que ten un nome,

se che gusta a súa sombra,

que non se borre.

Non digas “un paxaro”,

dille “andoriña”,

que vén coa primavera

e anuncia a vida.

Que ten un nome,

que vén coa primavera,

que non se borre.

[…]

Marica Campo

AI O MAR

Ai o mar co seu barco roubado!

Ai o mar na súa cunca deitado!

Ai o mar!

Vén tatuado nalgún mariñeiro.

Vén coas gaivotas a rir no peteiro.

Vén terra adentro nun puño de sal.

Ai o mar, cabaleiro azulado,

nos castelos de escumas gardado!

Ai o mar!

Que me leve, me leve nas ondas

coas súas mans máis escuras e fondas!

Ai o mar, meu amigo!

Ai o mar!

Ana María Fernández

QUITA A PUCHA, AMIGO

Quita a pucha, amigo,

que xa o reiseñor

vai cantando no bosque

ferido de amor.

[…]

Álvaro Cunqueiro

Tamén os nosos nenos e nenas do colexio queren deixar a súa preocupación pola Natureza escribindo contos moi breves (de tres liñas manuscritos).

Día Mundial do Medio Ambiente

A ÁRBORE

A árbore é moi bonita coas súas pólas que dan moita sombra. Os paxaros pousan nela cando están cansos de voar. Vichy – 3ºB

Érase unha vez unha árbore que moitos amigos tiña, sabía que un leñador as cortaría e sen amigos se quedaría. Víctor – 5ºA

O ARCO DA VELLA

Sete cores ten o ceo, cores alegres e cores de flores. O arco da vella non deixa de saír, cando o sol ri e chora á vez. Nerea – 5ºA

A BOLBORETA

Bolboreta, voa co teu traxe de cores polo campo, en Primavera. Raquel – 1º A

A bolboreta con antenas, a bolboreta de cores, que se pousa nas flores. Silvia – 1ºA

A bolboreta é de cores e sempre sae na primavera e encántanlle as flores. David – 1ºA

Raio de luz, bolboreta, que voa de flor en flor. ¡Non me engana o teu voo! Juan -5ºA

O CABALO SALVADOR

Un cabalo chamado Xoán viu un cazador cazando un coello. Xoán evitou a caza dándolle unha couce ao home. O cazador enfadado disparou ao cabalo, pero este esquivouno. O home foise moi enfadado. Brais – 4ºB

O CABALO PEPITO

No incendio do bosque, o cabalo salvaxe Pepito, converteuse nun heroe por rescatar a todos os seus semellantes. Pablo – 5ºA

O CAN SEN AMIGOS

Había unha vez un cachorriño que non tiña amigos porque era moi pequeno, pero cando se fixo maior volveuse moi forte e popular. Laura – 4ºB

O CEO

O ceo, pobriño, está agardando ao Sol moi amodiño, porque xa xea de noite e non ten abrigo. O seu único amigo é o Sol. ¡Pobriño! Andrés – 5ºA

CONTAMINACIÓN

A contaminación é o peor, nunca me gustou: quítame a vida que amo. Loito pola vida que teño e porque desapareza a contaminación. Andrea – 5ºA

María era unha bolboreta que vivía nunha árbore encantada, na que vivían tamén, a eiruga Luisa e o saltón Christian. Os tres eran felices porque non había contaminación. Esther – 6ºB

Érase unha vez un lixo superlixo, supercontaminado que se meteu na praia e quedou limpado.

A FLOR:

A flor é fermosa porque cando a vexo síntome coma unha flor e son de tantos colores que me sinto como dentro dunha flor. Lucía – 1º A

As flores son fermosas porque adornan os campos e tamén as macetas das casas. Hugo – 1ºA

A flor ten una problema, perdeu a súa cor. Eu téñolle unha solución: que se lave na auga e recuperará a súa cor. Paola – 5ºA

A flor perdeu o seu cheiro e a súa cor. A pobre estivo moi triste ata que a Primavera lle devolveu a súa frescura. Sukaina – 5ºA

Era unha vez unha flor amarela que, de tanto tomar o Sol, púxose vermella.

O LEÓN

Había unha vez un león que se metía cos demais. Un día a súa nai pillouno meténdose con eles e castigouno. O león arrepentiuse e ela perdooulle. Dende entón o león vive feliz na selva. Eva – 4ºB

O LEÓN QUEDOU NO ZOO

Había unha vez un león que vivía na selva tranquilamente. Un día quedouse durmido. Mentres estaba durmido, os cazadores cazárono e cando espertou, estaba no zoo. Quedou moi triste. Miguel – 4ºB

O MAR

O mar coas súas frescuras anda a tecer co brillo do Sol e cópialle a súa cor. Nahuel – 5ºA

O mar contaminado, ¡pobriño, meu neniño! Sen escumas prateadas e a súa boca salgada. Fabio – 5ºA

A MONTAÑA

A montaña é moi alta e os animais comen a súa herba. Nela óese o eco. — 3ºB

A NATUREZA

A natureza debe ser coidada para que a túa cidade estea descontaminada. Gabi – 3ºA

A natureza é fermosa coma unha rosa e non hai que ensuciala, senón limpala. Álvaro – 3ºA

A natureza hai que coidala porque as fábricas poden contaminala e os seres humanos non poden vivir. Carolina – 3ºA

A natureza non hai que contaminala, senón limpala. Samaira – 3ºA

O PARRULO

O parrulo ía a navegar polo río e chocou contra unha rocha do río e viu as estrelas. Emanuel – 1ºA

O PAXARO

Érase unha vez un paxaro que sempre me acompañaba ao colexio e un día sentiu soar a serea e escapou correndo co medo. Alejandra -3ºB

Os paxaros cantan, á xente lles encanta. Canta, canta, paxariña canta, canta no teu niño. Canta, canta pola mañá, no teu paxar. Laura – 4ºB

Érase un paxaro moi avaro. Tan avaro, tan avaro, que a todos despreciaba. Curou o día que lle deron a probar a súa menciña. Tamara – 5ºA

A POMBA

A pomba está triste, pois só a sacan cando é o Día da Paz, a quen ninguén fai caso, pois hai pelexas igual. Beatriz – 5ºA

O RÍO

O río, cando baixa por unha montaña, retórcese coma unha serpe. É a cousa máis fermosa que vin nunca. Ana – 3ºB

Unha vez nun bosque lexano había un río chamado Rinrín, moi chuliño porque sempre dicía: -“Eu teño máis auga que ninguén”. Entón o Sol apareceu e secouno. Rinrín nunca máis se volveu a chulear. Alba – 4ºB

Érase unha vez un río que sempre estaba contaminado. Un día os animais do bosque decidiron limpalo. Ao final quedou limpo grazas aos animais do bosque. Marina – 4ºB

Río de augas claras, de peixes escuros e de árbores que lavan as ramas.

A RÚA

Sucia está e cheira fatal. Os barrendeiros téñena que limpar, pero sempre hai lixo e non se pode remediar. Lixo e lixo na rúa, sempre haberá. O home non aprenderá. Jaime – 5ºA

O SOL

O sol brilla no ceo, da moita cor á cidade e tamén calor. Podes ir á praia. ¡Que bonito é o sol! Zeltia – 3ºB

A TERRA

A Terra é un planeta moi lindo. Ten lagos, campos, montañas, etc. Pero estámola estropeándoa. — 3ºB

O VENTO

Cae a folla da árbore, toma o sol sobre a herba placenteira, temerosa de que o vento a incomode. Lorena – 5ºB

natureza2

3 Xuño 2009 - Posted by | Actividades, Celebracions, COFRE de LETRAS | ,

Aínda non hai comentarios.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

A %d blogueros les gusta esto: